Mes da ciencia en galego nas Bibliotecas

Agora que xa rematou o mes de novembro xa podemos traervos as imaxes e as nosas impresións de todo o que aconteceu durante o mes pasado na nosa Biblioteca.

Os departamentos de Física e Química, Matemáticas, Bioloxía e Tecnoloxía achegaron á Biblioteca todos os seus coñecementos, ideas e ilusión para que todo o alumnado e o profesorado interesados se pasasen durante os recreos a gozar de experiencias moi divertidas e interesantes.

Na primeira semana, María Jesús, a profesora de Física e Química, organizou unha exposición na Biblioteca e incluso levou a cabo experimentos que mantiveron moi atentos aos alumnos que se mostraron interesados en asistir. As Matemáticas foron as encargadas de invadir a Biblioteca na semana seguinte. Nesa ocasión, máis que Matemáticas foron Matemáxicas, xa que as actividades consistiron en trucos de maxia relacionados con esa materia: os alumnos sorprendéronse e mesmo aprenderon a facer eles mesmos eses trucos que Sabela, Rubén e Pablo lles ensinaron gustosamente. Despois das Matemáticas, foi a Bioloxía a que se achegou á Biblioteca: de novo exposicións de maquetas realizadas polo alumnado, exposicións de traballos sobre os minerais, etc. Finalmente o departamento de Tecnoloxía, con Paula e Pablo, trouxo a robótica ao medio dos libros. Os alumnos presentes na exhibición pasaron un bo rato xogando cos robots que durante un recreo conviviron con todos os libros da nosa Biblioteca.

Dende o Equipo de Biblioteca queremos agradecer aos departamentos que colaboraron coa organización deste Mes da ciencia en galego nas Bibliotecas e por suposto tamén queremos darlle as gracias a todos os alumnos que se pasaron nos recreos a gozar do amplo abano de actividades que alí se organizaron.

Advertisements

Día das Librerías

A Biblioteca quixo aportar o seu grao de area para conmemorar o Día das Librerías deste ano. Para isto deseñamos un cartel coa finalidade de que as dúas librerías da Pontenova, Josgua e Papeleo, e a librería de Riotorto, Acuarela, o lucisen nos seus escaparates. Xunto cos carteis tamén entregamos ás librerías distintos marcapáxinas creados por nós para que durante ese días os regalasen con cada libro vendido. Os encargados de facerlle chegar o material ás tres librerías foron os voluntarios da Biblioteca. Gracias a eles e gracias a Josgua, Papeleo e Acuarela por adornar os vosos negocios co noso cartel.

Club de lectura de Música

Xa tenos un dos clubs de lectura funcionando, en concreto o de Música. O libro escollido por Elena, a profesora de Música, foi El síndrome de Mozart de Gonzalo Moure, publicado pola editorial SM e que se alzou co Premio Gran Angular no ano 2003. Neste club participan alumnos e alumnas de 2º e 3º de ESO.

libro

Aquí podes ver as imaxes da primeira sesión do club:

 

Semana do terror na Biblioteca

Con motivo da chegada do Samaín, a Biblioteca quixo sumarse a esta celebración, para o que coa axuda dun grupo de alumnos de 2º de ESO conseguimos cambiar o aspecto deste espazo e trasnformalo nunha terrorífica biblioteca repleta de pegañosas teas de araña, noxentos insectos e ratos, morcegos e sinistras cabazas iluminadas, pero sobre todo chea de ilusión por atraer durante unha semana ao alumnado do centro. O motivo: tres xornadas de proxección de curtametraxes de terror nos recreos. Como non podía ser doutro xeito, non faltaron as palomitas, a escuridade e os berros de todos os que encheron o noso “patio de butacas”. Sen dúbida pasámolo todos moi ben, nos previos organizando todo, e nos tres recreos nos que nos acompañou un bon número de alumnos e profes.

Dende a Biblioteca queremos agradecer a axuda do alumnado que moi ilusionado colaborou na decoración, e dun xeito moi especial a nosa repartidora de entradas, Ainara, “la niña del pozo”, que se encargou de recibir aos asistentes as proxeccións na tenebrosa porta da nosa particular sala de cine.

¿Queres ver o que aconteceu durante a Semana do terror na Biblioteca? Aquí tes unha pequena mostra:

 

Día da Biblioteca

Para conmemorar o día da Biblioteca este ano organizamos un concurso no que tentamos involucrar a alumnado de todos os niveis do centro. O concurso consistiu nunha competición a través de Kahoot no que fixemos un percorrido polas bibliotecas máis curiosas e importantes do mundo. O alumnado, por parellas, debía responder dende os seus móbiles ás preguntas, de xeito que a parella con maior puntuación sería a vencedora.

A participación foi alta, houbo parellas de todos os niveis, pero a que acadou maior número de puntos, e por tanto vencedora indiscutible, foi a formada por Izaskun Val e Adrián López, ambos alumnos de 2º de bacharelato. O premio consistiu nunha tarxeta-agasallo para cada un deles, valorada en 15 euros, para gastar nunha das librerías da Pontenova…e por suposto a correspondente medalla de ouro…de chocolate! Parabéns para os dous e gracias ó resto por participar!

Como sempre deixamos aquí algunhas imaxes do que aconteceu.

Día da tradución

Un ano máis a Biblioteca do centro súmase á conmemoración do Día da Tradución. Para esta xornada preparamos un concurso no que retamos a todo o alumnado a adiviñar a equivalencia de diferentes expresións en distintos idiomas. No vestíbulo do centro expuxéronse 18 frases en idiomas como o galego, inglés, italiano, francés ou alemán, entre outros e todos os que quixeron participar cubriron unha ficha coas correspondencias nas distintas linguas. Os gañadores obtiveron un agasallo que se lles entregou na biblioteca. ¡Parabéns a todos eles!

Aquí podes ver as imaxes do que deu de si este concurso.

Voluntarios da Biblioteca

Neste novo curso dende a Biblioteca quixemos dar a oportunidade a todo o alumnado do centro a traballar como voluntarios/as e así facer deste espazo algo máis próximo a todos eles. Polas aulas do instituto colgamos carteis ofrecendo esta posibilidade e o resultado foi magnífico xa que temos un total de 13 alumnos e alumnas voluntarios. Moitas gracias a Rosalía, María, Marina, Cecilia, Noa, Paula, Nuria, Nerea, Marcos e Samuel de 1º da ESO; a Aroa e Nerea de 3º de ESO e a Luana de 4º de ESO. ¡Seguro que coa vosa colaboración a Biblioteca funcionará aínda mellor!

Clubs de lectura 2018-2019

E outro ano máis a Biblioteca pon en marcha os clubs de lectura. Nesta ocasión son seis os departamentos que se involucraron con nós para ofertar diferentes lecturas que se irán repartindo ao longo de todo o curso: Música, Matemáticas, Inglés, Lingua Castelá, Filosofía e Relixión. Preto de cincuenta alumnos/as xa se anotaron para gozar da lectura e compartir as súas impresións. O primeiro club en comezar a lectura será o de Música, co libro de Gonzalo Moure El síndrome de Mozart, publicado pola editorial SM e que foi gañador do premio Gran Angular. Por aquí iremos contando más novas dos clubs de lectura e colgando imaxes das nosas reunións.

 

clubs de lectura

¡Iniciamos o curso 2018-2019!

Dende a Biblioteca do centro queremos dar a benvida a toda a comunidade educativa a este novo ano académico 2018-2019. Animámosvos a todos a vir a visitarnos e a facer uso do amplo abano de lecturas que temos agardando por vós nos nosos andeis. Aproveitamos a oportunidade tamén para desexarvos un bo comezo de curso.

Feliz verán…lendo!

Dende a Biblioteca queremos desexar a toda a comunidade educativa un feliz verán, pero como di o noso cartel “Todo verán ten a súa historia…” e non queremos deixar escapar a oportunidade de recomendar algunha historia para ler nestas vacacións, polo que no vestíbulo do instituto colocamos unhas cantas recomendacións lectoras coas que seguro desfrutarás mentres tomas o sol na praia ou na piscina…

A disfrutar do verán e das vacacións…pero lendo!!!